lunes, 27 de febrero de 2012

Como nai e fillo


Eu hoxe estouche escribindo isto; e es pequeno. Es como un fervello que se coa entre as miñas pernas.
Ti hoxe estás lendo isto e xa estás feito un mozo. Un mozo que tivo que aprender a vivir coa ausencia desas pernas nas que te refuxiabas.
A verdade é que non sei como comezar...
Pero o que si quero dicirche xa ao comezo é que te quero. E sempre te vou querer. Non sabes canto desexei a túa chegada _e o que desexo o teu encontro_. Desexeite día e noite durante nove meses. Foron os mellores meses vividos, despois dos que estivemos xuntos.
E cando vin esas meixelas, eses olliños, esas mans... souben non só que te ía querer, senón que te ía amar para sempre. E así é, non me equivoquei nin o máis mínimo.
Ti non sabes nada de min. Mellor dito non te acordas, porque si estivemos xuntos. Como nai e fillo; agora como descoñecidos.
Non quero que cando leas isto te avergonces de min, porque eu, que son a protagonista desta historia, sei que máis que unha marca negra do meu pasado foi unha salvación para ti, por iso te alonxei de min. Foi un sacrificio, meu filliño _permíteme chamarte así porque me leva á túa nenez_, que tiven que facer por obriga maior.
Por iso quero que saibas que quizais a historia que che contaron non é a verdadeira. Eu estou viva. Tiven que facer a miña vida, como ti a túa. E custoume un esforzo enorme adaptarme a ela, non vaias crer que non. Porque separarme do único que me tiña conectada á vida foi un golpe duro. Quedei desconectada neste mundo que xa non me ofrece nada polo que loitar, disfrazada tapando este meu pesar; pero non podería agora volverme unir a ti, porque sei que iso che faría mal.
Por iso, o motivo de que quixen que che entregasen esta carta é para que lembres que tes un pasado. Un pasado que te quere. Un pasado que te desexa ver ao seu carón, como nai e fillo que se queren.
E agora, vive este presente. Disfruta, ama, chora, arríscate, grita... pero nunca deixes de recordar.

jueves, 19 de enero de 2012

A noite estaba morna

A noite estaba morna mais xa daquela sentía arrepíos. Nunca esquecerá aquela noite. Chegara o día, despois de tantas caricias, beixos, miradas... Súplicas.
A noite estaba morna. Mais daquela xa se asomaba o que ía acontecer. Rogos.
Máis beixos, caricias, miradas, sorrisos. Até o momento coma sempre. Máis beixos e caricias. Até o momento rogos.
Ela sobre el. Tócanse, síntense. Descobren.
El sobre ela. Xogan. Recorre a man polo seu cabelo, baixando lentamente polo seu pescozo. Bícaa. Transmítelle tranquilidade. Segue baixando. Toca os seus peitos, bícaos. Acaricia o seu ventre, segue, segue... e chega. Comeza a acariciar ese punto do seu corpo. Respiración entrecortada. Xemidos. Desexo.
El sobre ela. Sosegado. Romántico. Desexado. El sobre ela. Rápido. Paixoal. Desexado. El sobre ela. El, clímax. Ela, ilusión, desconcerto.
Nunca esquecerá aquela noite, na cal entregou todo o que tiña. A noite estaba morna mais ela sentía arrepíos. Presentía o que se achegaba, pois dende aquela, non volveu escoitar as verbas que lle bisbeaba ao oído. Non volveu a ver eses ollos suplicantes. Ese corpo que pedía sexo. Non volveu a ver a ese home estraño, ao cal ela chamaba mozo.
Nunca esquecerá aquela noite, na cal entregou todo o que tiña. Unha noite morna, na que ela tiña frío.
Mentres, ese corpo que segue desprendendo amor, espera a que volva. Desexando. Gozando.
Gozando soa mentres practica o xogo que el lle ensinou.

jueves, 12 de enero de 2012

Nunca digas que me quixeches

¡Nunca digas que me quixeches! Ti que pensabas en danarme se che deixaba, que falabas de queimarme viva se modificaba os teus plans, que me descalificabas tódolos días, que controlabas o meu tempo e as persoas que estaban ao meu carón, que pretendías facerme ver que era a única responsábel do malo que sucedía ao noso redor. Poñendo marcas nos meus fillos, volviches a perder e so conseguiches facerme non moito menos valente e que eles estean sinalados para o resto dos seus días. ¡Que mágoa! Pero dixen ben: os meus fillos. Non foron os celos porque quen ameaza e intenta controlar non ten a capacidade de amar. O amor pasa, quédase ou mellora. Ti empeoraches: fixéchelo pedíndome falsas desculpas, facéndome regalos baleiros, dixeches que sentías morriña cando non estaba ao teu carón e fixeches o amor co meu Corpo pero con alguén que xa non era eu. Nas túas mentiras estaba contido o ácido co que queimaches a miña alma e que fixo que non tivese valor para cambia-la derrota da miña vida q que hoxe desato a chorar na inútil búsqueda dun momento sen terror e que odiei ter medo a razoar. Aprendín e sufrín. Aprendín que os celos son mentira e eu verdade, que podo olvidarte facilmente, que o teu tempo xa pasou, que grazas á túa voz naceu o meu silencio e que sen ti estou e son mellor. Souben, moi tarde, que naquel cruce de camiños o verdadeiro sendeiro do amor foi o que deixei atrás. Estiven no interior da túa mente e horroriceime. Sentín noxo de que alguén puidera sequera pensar que ti e eu compartimos algunha cousa máis que o tempo das nosas vidas, inseparábeis según a túa propia e arcaica lei. Ti non es un home, nin unha persoa, so es un ser vivo con aparencia de humano. Ti ére-lo único animal que desprezo, o único dunha especie que nunca debería haber sobrevivido pois malgastei as túas forzas e o teu tempo golpeando o meu Corpo mentres encaixaba, sumando cicatrices, tódolos teus impactos para, ao final, poder esquivar e librarme de todos os puñetazos que tiraches pensando en alcanza-la miña alma. E aínda que sufrín o desencanto, tardei demasiado en darme conta de que no meu sombrío destino estaba escrito que até morrer serei sempre infeliz. Ameite, e se ti o houbeses feito non te atreverías a dicirme que me queres mentres derramas estas bágoas de falso arrepentimento. Namoreime de ti pero xa non necesito averiguar de que maneira esquecerte: a mortalla que agora me envolve comezaches a texe-la o día no que te coñecín.

jueves, 15 de diciembre de 2011

Bulirán

                                               "A Ponte (Pontecesures- Padrón)" Marina, 2010


Algún día esquecerei os recordos que enriquecerán a miña vida. Ese cantar dos galos ao despertarme na casa dos meus avós, eses xogos infantís coa miña irmá, o cheiro do perfume da miña nai, quedar durmida cando meu pai me contaba un conto, o camiño de ida ao parque, o primeiro contacto cos pinceis e os lápis, os días de praia en familia, o primeiro bico, o primeiro amor, ver andar aos meus fillos, coidar dos netos...
Os anos pasan, e algúns recordos esvaécense na miña memoria, máis outros seguen aí, intactos, como se estivésen enganchados a un candado o cal perdeu a chave e que está en busca dela para desfacerse deles, mais polo de pronto, non se pode librar deles.
Ese candado quere, eu non. Unha loita irremediábel que me fai ver que algún día os esquecerei, bulirán, voarán lonxe. O tempo xoga as súas cartas só, non pide axuda, nin ten piedade.
Agora, aos meus setenta anos, sei que comeza a conta atrás. Desafortunadamente.
Nembargantes, sei que eu son a súa raíz, naceron en min. Eles non me esqueceran a min, e sei que de cando en vez me veñan visitar, porque dende sempre as imaxes falaron soas.

martes, 29 de noviembre de 2011

Suspiro de indecisión (Froito dun taller de literatura)

O camposanto está frío, é media noite. Ollos de lume observándome, mirando cada paso que dou.
Cada estrela é unha vida morta que tamén me observa. Rodéanme as letras das lápidas, falan de min... Que fago aquí? As flores móvense a medida que vou avanzando... Alguén estame a perseguir... si... almas perdidas. Non quero estar aquí pero eu quíxeno así.
Encontro un burato na terra dun suposto defunto que aínda non foi parar alí... métome dentro... cruzo os brazos e pecho os ollos... non quero morrer... nin durmir... (suspiro) só que pase este pesadelo... só pechalos ollos...

lunes, 28 de noviembre de 2011

Como cada mañá

Como cada mañá. Para o coche, apaga o motor e os faros, mira o seu reloxo; as 7:42, acende un pito, acomódase no asento, e disponse a mirala.
A mesma liturxia de tódalas mañás de tódolos días de traballo dos últimos case tres anos, dende aquel 9 de Xaneiro no que parou o semáforo fronte á marquesiña do bus e a veu alí, tiritando polo frío castigador desas horas, con aqueles ollos negros que se cravaron nos seus e non lle deixaron concilia-lo sono, e cos que decidiu reencontrarse cada mañá tras a terceira noite de insomnio.
Aos ollos alleos era feliz, tiña o que ansiaba un home de progreso, unha bonita e culta esposa que o coidaba, dos fillos que o admiraban, e un traballo que lle permitía levar unha vida cómoda. Si, aos ollos alleos. Cada mañá mecanizaba tódolos seus movementos até cegar a conservala na marquesiña, soa, calada, allea ao seu ollar, ausente, distante, so decidida cando o bus número 23 se acercaba pola rúa Mar. O seu pero momento. Vía aproximarse a aquela mole vermella con rodas polo espello retrovisor e maldicía en silenzo á Compañía de Tranvías e á súa inoportuna puntualidade.
Nunca se lle había acercado, nin lle había falado. Nunca había saído do caparazón do seu coche, que o protexía cada mañá fronte a todo e fronte a todos.
O bus arranca, as 7:52, e veo perderse pola costa de San Brais. Apaga o seu terceiro pito, acende o coche, e comeza a súa rutina diaria, a do falso sorriso, a falsa serenidade, a falsa aparencia. Si, é case feliz, pero até as 7:42 da mañá non o vai ser de todo, por dez minutos, e entretanto, ve como a súa dose de plenitude diaria se escapa nun autobús urbano.
Ela sitúase no asento de sempre, apoia a cabeza no cristal e cerra os ollos meditando para que madrugar tanto se o seu turno na imprenta non comeza até as doce, e sorrí ao pensar que aínda merece a pena facelo para comprobar que el sigue alí, naquela esquina, medio oculto no seu coche, como tódalas mañás de tódolos días dos últimos case tres anos, co seu pito, sen falarlle, sen achegarse a ela, pero alí, dando vida á súa. Como cada mañá.

jueves, 24 de noviembre de 2011

Aquel antigo reloxo de cuco (Primeiro premio en microrrelatos en castelán, 2008)

Tódolos días espertábaa e con so un sorriso dáballe os bos días.
Tódolos días a vestía e ían dar un longo paseo polo pequeno pobo.
Tódolos días preparáballe a comida e lla daba, logo, xuntas, relaxábanse escoitando as súas melodías preferidas.
Tódolos días bañábaa co xel de avea e fretáballe as costas coa esponxa.
Tódolos días poñíalle o seu imprescindible cueiro para ir de volta á cama. Logo rezaban a Deus e mutuamente dábanse un bico nas meixelas para desexarse, sen palabras, os doces sonos.
Pero esa noite xa non era como tódolos días, esa noite Adriana coa mirada perdida permanecía no cuarto da súa añorada avoa, e levantando a mirada lentamente, observou, como ese mesmo día, ó antigo reloxo de cuco, que anunciaba das horas que lle quedaban á súa avoa, se lle esgotou a pila.

Dime

Kafka queixábase da falta de agarimo do seu pai. Dicía que era home áspero, incapaz de dar unha caricia. Coñezo os individuos que son como o pai de Kafka. E non me interesan. Tamén coñezo outros que morren de ganas por dar caricias... e non saben. Coñezo incluso algúns que non saben bicar. E outros que non pronuncian nunca as palabras imprescindibles, que son sempre as mesmas: necesítate, teño ganas de estar sempre ao teu carón, quérote moito, oxalá teñas un magnífico día, grazas por estar, son o teu amigo, etcétera, etcétera, etcétera. Hai seres que din amar con loucura e, non obstante, son incapaces de achegarse á pel do outro, da outra. Arrimarse por tras do seu pelo, sentir o seu recendo, botar as mans á súa cintura e dicirlle: que lindo/a que estás aí. Vivimos no mundo do disimulo e da metira. Hai quen vive eternamente no silencio. Xentes incapaces de expresarse con palabras, ou coas mans, ou cuns ollos que acerquen e non separen. Convertemos o mundo nun lugar frío e baleiro. Un territorio de seres ausentes que aparecen unicamente no ocio cotián e repetido ou contemplándose na pantalla do televisor en programas de ampla audencia. Vivimos ignorando o valro das verbas que curan tanto como as benzodiacepinas. Eu quero que me digan canto me queren, se é que alguén é capaz de querer a alguén coma min. Que me tiren os pratos á cabeza cando rompo algunhas das miñas promesas. Quero que me traten con calor, agora que o frío é o señor do mundo. Pero sobretodo as cousas quero que as persoas importantes para min digan e non calen. Eu non amo ao pai de Kafka, senón a eses que mandan mensaxes en ocasións insubstanciais, bromas, cancións, poemas... sei que están pensando en min, agora que cada vez pensamos menos nos outros. Sei que me están gritando “Dime, anda... preocúpate ti tamén por min”. Non sexas, lector, como o pai de Kafka.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Continuidade

Ao dobrar un recodo do camiño vino. Estaba sentado un dos numerosos bancos situados na avenida central do parque. Até aí todo podería parecer normal:un home maior, xubilado, que deixa pasalo tempo mentres se entretén dando de comer ás pombas. Sen embargo, había algo na súa actitude que chamou a miña atención, non sabería precisar o que. A medida que me aproximaba, esa sensación de estrañeza foise acentuando.
O home tiña os cóbados apoiados nas rodillas e miraba ao fronte con expresión meditabunda. Vestía un groso abrigo de la e cubría as súas mans cunhas luvas do mesmo tecido, para resgardarse do frío.
Non sei por que o fixen, pero cando cheguei á súa altura apoiei unha man no seu ombro e preguntei : “¿Encóntrase ben vostede, señor?”. O home fitoume sen comprender, case traspasándome coa mirada, dun azul insólito. De súpeto pareceu reaccionar. Sorriu e, ao instante, o sorriso estendeuse por todo o rostro. “¡Claro!” -exclamou- “¿Gustaríache escoitar unha historia?”.
Senteime ao seu carón, inexpicabelmente atraído por aquel sorriso indefinible. E ese foi o primeiro de moitos outros días. Podería pasarme horas escoitando falar a aquel home. Contaba historias como nunca llas oín contar a ninguén. Cando quixen darme conta, tanto o home coma as súas historias pasaran xa a formar parte da miña vida.
Até que un día desapareceu. Coma sempre, dirixinme cara o banco do parque, o noso banco. Pero ao chegar alí non estaba. Senteime a esperar, sen éxito. Ao terminar o día aínda non se presentara. Sentín unha estraña desazo, pero aínda así conseguín conservar a calma. Ao seguinte día repetín a operación. E ao seguinte. E ao seguinte. Nada.
Pasaron varios veráns e invernos, e eu seguía acudindo fiel á miña cita co banco do parque, atraído aínda por unha obstinada esperanza. Supoño que durante ese tempo descoidei o meu aspecto, porque un día acercóuseme un rapaz, e apoiando unha man no meu ombro preguntou: “¿Encóntrase ben vostede, señor?”. Ao principio mireino sen comprender, pero de súpeto entendín. Sorrín. “Claro... ¿Gustaríache escoitar unha historia?”.

lunes, 14 de noviembre de 2011

O comezo

Baixou á praia, como cada mañá. Sombreiro, lentes de sol, bolso de palla. Toalla, libro e protector solar. O areal estaba tranquilo. Algúns turistas, pero non na súa zona. Demasiado batido o mar para o gusto dos foráneos. Todo eran vantaxes. Ademais da soidade, o son das ondas evitaba os ruídos alleos.
Colocou a toalla, coidando a orientación do sol, espiuse e estirouse, dando un suspiro, gozando coa calor, o cheiro do mar e a brisa. Despois dun anaco, sentiu unha presenza preto. Outra vez el. Coma sempre, non se achegou demasiado. Mirou cara ela, sorriu e deixando as súas cousas, foi cara a auga e meteuse como se o frío non lle afectase.
Ela quedou mirando ao nadador. Gustáballe como entraba no mar, sen dúbidas, batendo contra as ondas e como se facían un, o mar e mais el. Ela era das que tardaba longos minutos en meterse na auga, tremendo co frío, avanzando e retrocedendo. Absorta nos seus pensamentos, non se deu conta de que el saia da auga e ía cara ela, sorrindo e escorrendo pingas salgadas. Quixo disimular, pero era tarde para facer como que non o miraba. Así que mantivo a ollada, sorrindo á súa vez e agardou.
El achegouse e dixo: “Hoxe está boísima. Non se anima?”. Tiña voz grave, lixeiramente ronca. De pronto víanselle liñas de expresión nos ollos, azuis con pingas verdes como ese mar do que saia. Como ela asentiu, el ofreceulle a man para axudarlle a levantarse. Os dous foron cara as ondas.
Ese foi o comezo... dunha historia que non ten fin...