lunes, 27 de febrero de 2012

Como nai e fillo


Eu hoxe estouche escribindo isto; e es pequeno. Es como un fervello que se coa entre as miñas pernas.
Ti hoxe estás lendo isto e xa estás feito un mozo. Un mozo que tivo que aprender a vivir coa ausencia desas pernas nas que te refuxiabas.
A verdade é que non sei como comezar...
Pero o que si quero dicirche xa ao comezo é que te quero. E sempre te vou querer. Non sabes canto desexei a túa chegada _e o que desexo o teu encontro_. Desexeite día e noite durante nove meses. Foron os mellores meses vividos, despois dos que estivemos xuntos.
E cando vin esas meixelas, eses olliños, esas mans... souben non só que te ía querer, senón que te ía amar para sempre. E así é, non me equivoquei nin o máis mínimo.
Ti non sabes nada de min. Mellor dito non te acordas, porque si estivemos xuntos. Como nai e fillo; agora como descoñecidos.
Non quero que cando leas isto te avergonces de min, porque eu, que son a protagonista desta historia, sei que máis que unha marca negra do meu pasado foi unha salvación para ti, por iso te alonxei de min. Foi un sacrificio, meu filliño _permíteme chamarte así porque me leva á túa nenez_, que tiven que facer por obriga maior.
Por iso quero que saibas que quizais a historia que che contaron non é a verdadeira. Eu estou viva. Tiven que facer a miña vida, como ti a túa. E custoume un esforzo enorme adaptarme a ela, non vaias crer que non. Porque separarme do único que me tiña conectada á vida foi un golpe duro. Quedei desconectada neste mundo que xa non me ofrece nada polo que loitar, disfrazada tapando este meu pesar; pero non podería agora volverme unir a ti, porque sei que iso che faría mal.
Por iso, o motivo de que quixen que che entregasen esta carta é para que lembres que tes un pasado. Un pasado que te quere. Un pasado que te desexa ver ao seu carón, como nai e fillo que se queren.
E agora, vive este presente. Disfruta, ama, chora, arríscate, grita... pero nunca deixes de recordar.

1 comentario:

  1. Cantas mulleres terían pasado por esa situación, ter que deixar ao froito do teu ventre en mans alleas, para que esas mans o modelen, sen saber que será del, sen crer que nunca volverás velo, vivindo día e noite con ese pesadelo ás súas costas, sobrevivindo de recordos... Non hai sacrificio meirande que o sacrificio dunha nai.

    ResponderEliminar