Baixou á praia, como cada mañá. Sombreiro, lentes de sol, bolso de palla. Toalla, libro e protector solar. O areal estaba tranquilo. Algúns turistas, pero non na súa zona. Demasiado batido o mar para o gusto dos foráneos. Todo eran vantaxes. Ademais da soidade, o son das ondas evitaba os ruídos alleos.
Colocou a toalla, coidando a orientación do sol, espiuse e estirouse, dando un suspiro, gozando coa calor, o cheiro do mar e a brisa. Despois dun anaco, sentiu unha presenza preto. Outra vez el. Coma sempre, non se achegou demasiado. Mirou cara ela, sorriu e deixando as súas cousas, foi cara a auga e meteuse como se o frío non lle afectase.
Ela quedou mirando ao nadador. Gustáballe como entraba no mar, sen dúbidas, batendo contra as ondas e como se facían un, o mar e mais el. Ela era das que tardaba longos minutos en meterse na auga, tremendo co frío, avanzando e retrocedendo. Absorta nos seus pensamentos, non se deu conta de que el saia da auga e ía cara ela, sorrindo e escorrendo pingas salgadas. Quixo disimular, pero era tarde para facer como que non o miraba. Así que mantivo a ollada, sorrindo á súa vez e agardou.
El achegouse e dixo: “Hoxe está boísima. Non se anima?”. Tiña voz grave, lixeiramente ronca. De pronto víanselle liñas de expresión nos ollos, azuis con pingas verdes como ese mar do que saia. Como ela asentiu, el ofreceulle a man para axudarlle a levantarse. Os dous foron cara as ondas.
Ese foi o comezo... dunha historia que non ten fin...
No hay comentarios:
Publicar un comentario