miércoles, 16 de noviembre de 2011

Continuidade

Ao dobrar un recodo do camiño vino. Estaba sentado un dos numerosos bancos situados na avenida central do parque. Até aí todo podería parecer normal:un home maior, xubilado, que deixa pasalo tempo mentres se entretén dando de comer ás pombas. Sen embargo, había algo na súa actitude que chamou a miña atención, non sabería precisar o que. A medida que me aproximaba, esa sensación de estrañeza foise acentuando.
O home tiña os cóbados apoiados nas rodillas e miraba ao fronte con expresión meditabunda. Vestía un groso abrigo de la e cubría as súas mans cunhas luvas do mesmo tecido, para resgardarse do frío.
Non sei por que o fixen, pero cando cheguei á súa altura apoiei unha man no seu ombro e preguntei : “¿Encóntrase ben vostede, señor?”. O home fitoume sen comprender, case traspasándome coa mirada, dun azul insólito. De súpeto pareceu reaccionar. Sorriu e, ao instante, o sorriso estendeuse por todo o rostro. “¡Claro!” -exclamou- “¿Gustaríache escoitar unha historia?”.
Senteime ao seu carón, inexpicabelmente atraído por aquel sorriso indefinible. E ese foi o primeiro de moitos outros días. Podería pasarme horas escoitando falar a aquel home. Contaba historias como nunca llas oín contar a ninguén. Cando quixen darme conta, tanto o home coma as súas historias pasaran xa a formar parte da miña vida.
Até que un día desapareceu. Coma sempre, dirixinme cara o banco do parque, o noso banco. Pero ao chegar alí non estaba. Senteime a esperar, sen éxito. Ao terminar o día aínda non se presentara. Sentín unha estraña desazo, pero aínda así conseguín conservar a calma. Ao seguinte día repetín a operación. E ao seguinte. E ao seguinte. Nada.
Pasaron varios veráns e invernos, e eu seguía acudindo fiel á miña cita co banco do parque, atraído aínda por unha obstinada esperanza. Supoño que durante ese tempo descoidei o meu aspecto, porque un día acercóuseme un rapaz, e apoiando unha man no meu ombro preguntou: “¿Encóntrase ben vostede, señor?”. Ao principio mireino sen comprender, pero de súpeto entendín. Sorrín. “Claro... ¿Gustaríache escoitar unha historia?”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario