martes, 17 de abril de 2012

Lembranzas


¡Ola miña boneca de cara morena e ollos azuis! ¿Lémbraste dos que hai que te coñezo? ¡Cantas veces durmiches ao meu carón nas noites frías de inverno! Moitas cousas che contei e ti escoitabas muda e queda a unha rapaciña de oito anos que che abría o seu peito de nena para falarche da escola, de xogos e de amizade. ¡Queríate tanto! Nunca che puxen un nome, non me facía falla, eras a miña boneca e iso abondaba.
A avoa Carme fíxoche unha saia azul e un xersei de la amarela. ¡Como campabas miña amiga coa roupa de estrea e os beixos e as unllas, daquela cor rechamante,pintados con torpes pinceladas de nena! Sacábate a paseo coa fachenda inocente de quen ensina un prezado tesouro.
Aquela meniña de curta idade vía en ti, boneca querida, o reflexo da moza na que anos despois de convertería. Nunca dicías que non, asistías impasible a tódalas innumerables transformación ás que te sometía. Paseino moi ben peiteando o teu pelo louro, inventando peiteados que logo intentaba facer no meu cabelo, ¿sabes unha cousa? Eu co meu cabelo negro quería ser loura coma ti, ¡canto o desexaba!
Fuches, miña boneca, a mellor amiga daquela nena de oito anos, pero o tempo imparable fixo que os oito anos da nena se convertesen en nove, dez... Fixo que a boneca que anos atrás fora tan querida quedase agochada detrás da vella maleta que habitaba no faiado.
A rapaza mudou de corpo, de sentimentos, de amizades, e co tempo chegaron os amores que enchían agora o espazo que noutra época ocupara a súa boneca. O nacemento da súa primeira fila despertou as lembranzas aletargadas no corazón e encamiñaron os pasos da nai ata o faiado apra buscar non sabía o que e, na procura daquela búsqueda, atopouna, apertouna contra o seu peito e bicoume unha e outra vez, pero os bicos noutrora de nena eran, agora, dunha muller que con bágoas nos ollos, recordaba os anos esquecidos da nenez.


María Isabel Rodríguez García

No hay comentarios:

Publicar un comentario