viernes, 15 de abril de 2016

Esta é a cuarta carta que che envío

Esta semana trouxeron unha radio á sala. Foi unha boa nova e a todos nos estraña, pero estamos contentos. Este aparello calmou a conflitividade e agora todos nos reunimos arredor dela á noitiña, a escoitar. Dá igual o que sexa, só escoitar. Escoitar voces novas.
Pero foi unha boa nova porque me aportou unha sensación grande cando escoitei dicir a un home que: “O único bo que ten a vida é o amor”. A súa fría voz como o dixo quedoume gravada na mente. Unha voz fría como se fose algo malo que o amor sexa o mellor ao que poden ascender os humanos. Se cadra unha voz fría pola frustación de que sexa só iso o único bo, ou pola frustación dun amorío perdido.
Sen embargo tamén me desanimou, porque... esta é a cuarta carta que che envío, e non sei se quizais non che chegan ou e que ti... quero pensar que non. Quero pensar que non porque iso quererá dicir que ti xa non estás aí. E eu quero sentirte aí, queréndome, dende a distancia, pero que permanezas pese a dificultade. Así como estou eu, aquí, dende este recunchiño de catro paredes escuras onde só escoito a miña voz. Aquí, tras collela entrada para acceder. Esa entrada que quixen coller a pesar de saber que tería consecuencias. Abofé que agora o sinto. Sabes que o sinto. Sinto haberte deixado así, sinto haber roto a túa vida, sinto non poder ver crecer o noso fillo e sinto haberte deixado soa.
Sinto tamén non haberche feito caso, pero agora... agora xa non hai marcha atrás. Os dous o sabemos, pero espero que me esperes. Só queda iso, que me esperes porque a pesar de todo o sucedido, o amor prevalece ante todas as cousas, o amor sempre marca nos corazóns. No meu marcou; sóubeno dende que o día que perdín a túa sombra. Por iso sei que sempre estarás aquí, no órgano máis fermoso.
Só quero saber se marcou o teu.
Esta é a cuarta carta que che envío.

No hay comentarios:

Publicar un comentario