“Prometes
serlle fiel, na saúde e na enfermidade, na riqueza e na pobreza,
tódo-los días da túa vida, ata que a morte vos separe”. Aquelas
verbas marcarían a vida daqueles namorados.
Hai
un ano que empezou a tortura de Ana, unha doce tortura... Así como
as palabras que pronunciara o cura o día do seu enlace quedaron na
súa alma, as que pronunciou o doutor tampouco as ía esquecer. Sabe
que non terá remedio, pero tamén sabe que o necesita máis ca
nunca, igual que el a ela. A pesares dos insultos, as palabras
vexatorias e o odio acumulado.
Así
conviven os tres, día a día, ela, un home que a toma como estraña
e “esa” enfermidade que non se atreve a pronunciar. Esa
enfermidade que chegaría a coñecer de preto dende o último ano.
Esa enfermidade que nin sequera en días especiais collerá
vacacións. Nin aínda que veña a familia nos días de festa e os
netos rodeen ao avó e lle pregunten por que xa non xoga con eles, ou
lles conta as súas batallas na mar.
Pero
estrañamente aínda segue habendo maxia, esa pola cal uniron as súas
vidas. Raramente. Un brillante ollar, unha forte aperta de mans, un
simple aceno. Xestos que acenden ese lume de paixón que Ana nunca
apagou, a pesar das longas horas mudas do día. Xestos que asoman
bágoas nos ollos de Ana. Bágoas de alegría, de saber que hai luz
dentro dese túnel sen saída, mais que nunca deixará saír.
Grazas
a iso, esa muller de cara lánguida e melena prateada, consegue
saca-los ánimos para loitar con esa doce e peculiar tortura, porque
non pode sentir medo. E así seguirá, de lado del, “ata que a
morte os separe...”
No hay comentarios:
Publicar un comentario