Eu hoxe estouche
escribindo isto; e es pequeno. Es como un fervello que se coa entre as miñas
pernas.
Ti hoxe estás
lendo isto e xa estás feito un mozo. Un mozo que tivo que aprender a vivir coa
ausencia desas pernas nas que te refuxiabas.
A verdade é que non
sei como comezar...
Pero o que si
quero dicirche xa ao comezo é que te quero. E sempre te vou querer. Non sabes
canto desexei a túa chegada _e o que desexo o teu encontro_. Desexeite día e
noite durante nove meses. Foron os mellores meses vividos, despois dos que
estivemos xuntos.
E cando vin esas
meixelas, eses olliños, esas mans... souben non só que te ía querer, senón que
te ía amar para sempre. E así é, non me equivoquei nin o máis mínimo.
Ti non sabes nada
de min. Mellor dito non te acordas, porque si estivemos xuntos. Como nai e
fillo; agora como descoñecidos.
Non quero que
cando leas isto te avergonces de min, porque eu, que son a protagonista desta
historia, sei que máis que unha marca negra do meu pasado foi unha salvación
para ti, por iso te alonxei de min. Foi un sacrificio, meu filliño _permíteme
chamarte así porque me leva á túa nenez_, que tiven que facer por obriga maior.
Por iso quero que
saibas que quizais a historia que che contaron non é a verdadeira. Eu estou
viva. Tiven que facer a miña vida, como ti a túa. E custoume un esforzo enorme
adaptarme a ela, non vaias crer que non. Porque separarme do único que me tiña
conectada á vida foi un golpe duro. Quedei desconectada neste mundo que xa non
me ofrece nada polo que loitar, disfrazada tapando este meu pesar; pero non
podería agora volverme unir a ti, porque sei que iso che faría mal.
Por iso, o motivo
de que quixen que che entregasen esta carta é para que lembres que tes un
pasado. Un pasado que te quere. Un pasado que te desexa ver ao seu carón, como
nai e fillo que se queren.
E agora, vive
este presente. Disfruta, ama, chora, arríscate, grita... pero nunca deixes de
recordar.